jueves, 29 de enero de 2009

¿É o editor de Stephen King agostiniano, ou tomista (aquinano)?

"- El universo -explicó- es el Gran Todo, y presenta una paradoja demasiado vasta para que una mente finita pueda abarcarla. Del mismo modo en que el cerebro viviente no puede concebir un cerebro no viviente - aunque tal vez crea que sí puede- , la mente finita no puede abarcar el infinito."
(O home de negro ao pistoleiro, en El pistolero, de Stephen King, páxina 283; Plaza & Janés)


(Gracias, S.).

Sobre os textos incluídos no Tema 3

Ademais dos textos propostos pola CIUG, temos dentro do Tema 3 mecanogafiado (páxina 3-8) unha serie de breves textos que poden ser utilizados para comentalos. Pasamos a continuación a facer unha breve presentación de cada un deles, co fin de facilitar esa tarefa, se decides emprendela, cousa que é recomendable... Son cinco, en total:
  1. O primeiro é de Do libre albedrío. Pese ao título da obra, este fragmento non trata o tema do libre albedrío. É un texto de tres parágrafos, e recomendamos ter en conta soamente o primeiro deles (os outros dous son demasiado complicados). Nese parágrafo fálase da Verdade (Exemplares) e de como é posible coñecela (vía interior, luz interior: íntima e ao tempo de todo home). Nega o relativismo. Podemos e debemos traer a colación a Platón, Filón, Plotino, Aquino e Ockham, e se pasamos ao Tema 4, a negación da existencia das Ideas coa Nova Ciencia, e a matematización do mundo.
  2. Éste é de Sobre oitenta e tres cuestións diversas, e consta de dous parágrafos. o primeiro trata da Creación, das Ideas Exemplares, que son eternas e inmutables, das Ideas de Platón, e da participación (Platón outra vez). Debemos pois falar de creacionismo e emanatismo, Platón, Filón, Plotino, e de Aquino e Ockham. Se pasamos ao Tema 4, da negación da existencia das Ideas ou esencias pola Nova Ciencia, e a matematización.
  3. E éste é de A Cidade de Deus, e trata a cuestión, para Agostín non contradictoria, como cristiano que é, entre a Providencia divina (en relación co tempo, coa Historia), e o libre albedrío dos seres humanos. O texto resulta algo repetitivo, e reclama unha lectura detida para non perder o fío. Os temas tratados nesa obra agostiniana, o contraste co concepto non lneal do tempo, así como o creacionismo e a contextualización do tema do libre albedrío dentro da moral cristiana, completaría o cadro. Podes contrastar tamén a visión de Agostín co emanatismo plotiniano.
  4. O número catro é unha carta de Agostín. Nela expón a súa actitude ante o problema da relación entre fe e razón: colaboración e non contradicción entre ambas. Certas frases deben ser lidas con certa calma, para entendelas correctamente. Esta relación entre fe e razón implica falar da actitude dos filósofos da época que rexeitan o cristianismo (comezo do Tema 3), e por suposto de Aquino e Ockham (e do Humanismo e a Nova Ciencia, se pasamos ao Tema 4), sempre en relación ben explicada coas teorías do coñecemento destes autores e o seu concepto da razón humana.
  5. O último é unha famosa frase de Agostín, outra vez dunha carta, e outra vez sobre a relación entre fe e razón: falta de contradicción entre ambas e colaboración, pois Verdade só hai unha: a cristiana.
Esperamos que esta entrada sexa de axuda para quen escolla un destes fragmentos para practicar antes do exame. De todos modos, aínda que finalmente non fagas comentario algún -o que non é desde logo nada recomendable-, por favor, polo menos le todos estes textos e os da CIUG. Polo menos iso...

domingo, 18 de enero de 2009

Agostín e os sete textiños

Ben, todos sabemos xa que a CIUG propón para este Tema 3 sete textos sete, e agora nesta entrada pretendemos presentar brevemente cada un deles, sinalando de paso algún detale escuro que outro, para evitar no que se poida a confusión:
  1. TEXTO 1: O texto leva título: "O home foi creado a imaxe de Deus", e iso, a existencia do título, xa facilita a comprensión, ¿ou? Hai citas, en letra cursiva, que, evidentemente e como nos outros textos, son da Biblia, o cal remítenos inevitablemente á relación entre fe e razón. Tamén este texto obríganos a ter presente a oposición entre creacionismo e emanatismo, e mirar atrás (Filón, Plotino). Os tipos de alma, vistos en temas pasados, é algo que atopamos tamén, e Aristóteles é unha importante referencia. De Platón tampouco podemos prescindir, claro: ¡é Agostín! Presta atención ao final, cando diferencia entre entendemento e razón, diferencia explicada no propio texto. Está claro que a teoría do coñecemento agostiniana (interiorización, iluminación) debemos tamén tratala, buscando a semellanza con Platón (reminicencia, símil do Sol). Non debemos olvidar nunca que Tomás de Aquino e Ockham forman parte do Tema 3, e tratan -doutro xeito- estes temas.
  2. TEXTO 2: Éste é un fragmento da súa famosa obra autobiográfica Confesións. Fálanos da Creación, as criaturas, o home, Deus, polo que a oposición cracionismo-emanatismo debes tela en conta, e a diferencia entre o ser necesario e as criaturas contimxentes. Fala de Anaxímenes: é o terceiro da Escola de Mileto: ver Tema 1, presocráticos, ao principio. Anaxímenes afirmaba que o arché, o principio rector de todo era o aire, de aí a cita. O home é composto do corpo (exterior, sentidos) e a alma (interior, ilumininación), e é por esta vía do interior que temos que buscar a Deus (a Verdade). Podemos, e debemos, ter presentes a Platón (nous, símil do Sol, reminiscncia), Aristóteles, Filón e Plotino, e Aquino e Ockham.
  3. TEXTO 3: Ten título: "Que dúas cidades hai", e é da obra A Cidade de Deus. hai diferentes citas bíblicas: "Ps." significa "Salmos"; "Rom.", ""Carta aos romanos"; "Cor.", "Carta aos coríntios". Debes situarte principalmente -pero non exclusivamente- no apartado do Tema 3 que fala da teoloxía da Historia de Agostín e a súa teoría das relacións entre Igrexa e Estado, que permitirá unha comparación coa obra de Maquiavelo (Tema 4). Os que están facendo o traballo sobre o conto de Borges deberían estar especialmente atentos... Utiliza o dicionario: talvez termos como "gloria", "piedade" e outros xa non sexan tan claros para a túa xeración. Lembra tamén ese apartado do comezo do Tema 3 dedicado aos trazos esenciais da relixión cristiana: tempo, Providencia, relación do Deus Pai cos homes, etc.
  4. TEXTO 4: Volvemos ás Confesións. Agora temos a Verdade, o coñecemento, a razón, os sentidos, a alma, etc. Ou sexa, teoría do coñecemento (ilumunación, interior) e ontoloxía (Ideas Exemplares eternas e inmutables), etc. Por "moreas de fantasmas" debemos entender impresións sensibles, sensacións, información que chega do corpo-sentidos-exterior , cambiante, non fiables, confusión. Iluminación interior, Ideas Exemplares eternas e inmutables, comparación con Platón, Filón, Plotino, e, claro, contraposición con Aquino e Ockham.
  5. TEXTO 5: Enrevesado texto das Confesións, a maior gloria de quen elixira semellante fragmento pensando en alumnos de bacharelato, amén. En fin, é o que hai. En calquera caso, trata do coñecemento da Verdade eterna e inmutable (Deus, Exemplares) pola vía do interior (alma, razón), e non pola do exterior (sentidos, corpo). Por "inconmutable" debemos entender "inmutable, que non cambia". A caridade é unha virtude cristiana: consulta o dicionario, por favor. Onde les "rexión da desemellanza" podes entender "un país lejano", segundo a traducción de Nueva Biblia Española, máis entendible. Hai numerosas citas bíblicas: "Ex.", significa "Éxodo"; "Ps.", "Salmos"; "Lc.", Evanxelio de Lucas. A abreviatura "Cf." significa "confere": "compárese, véase".
  6. TEXTO 6: Este texto e o seguinte non deberían estar aquí. O propio responsable da selección de textos recoñeceu verbalmente -aínda que non por escrito- que os seus contidos non están incluídos nos "tópicos -non están dentro dos contidos do Tema 3 marcados pola propia CIUG-. En calquera caso, este texto 6 fala da memoria, do memorizado, o que se recupera da propia memoria, do que olvidamos. A memoria e o eu.
  7. TEXTO 7: Fragmento das Confesións no que Agostín reflexiona sobre o tempo, o pasado, o presente e o futuro. Realmente é un coñecidísimo texto deste autor, e de indubidable valor e interese... Podes relacionalo coa Historia e a Providencia tal e como son entendidas polo cristianismo e son explicadas no Tema 3, pero aínda así non será fácil... Pero outra vez queda fóra dos contidos-tópicos marcados pola CIUG para o Tema 3, polo que non debría estar aquí. Ver o dito no Texto 6.

domingo, 11 de enero de 2009

A conto de Borges (actividade complementaria)

Propoñemos, como xa dixéramos fai tempo na aula, en Decembro, un traballo voluntario relacionado co Tema 3 que nos ocupa. Trátase dun conto titulado "Los teólogos", do escritor arxentino Jorge Luis Borges (1899-1986).
A actividade podes ir facéndoa xa, coa única condición de que nestes momentos teñas un mínmo de "cinco" como nota media (Temas 1 e 2). A actividade é, pois, entendida como unha actividade para mellorar nota, e non para sustituír un resultado non satisfactorio dunha proba escrita anterior. É fundamental entender isto, por favor.
O conto está na rede, se non queres lelo en libro. O libro no que orixinalmente foi publicado chámase El Aleph (1949), editado por varias editoriais e facilmente encontrable en calquera biblioteca pública ou librería máis ou menos aceptable.
¿En que consiste esta actividade? Imos por partes:
  1. Primeiramente debes lelo, buscando na rede, nun dicionario ou nuha enciclopedia as numerosas cousas, datos, nomes, etc., que irás atopando a medida que avances. Hai numerosas citas cultas, pois Borges é moi dado a utilizar a súa non precisamente pequena erudición como ferramenta esencial da ficción. Recoméndase máis dunha soa lectura, e dalgún parágrafo ou pasaxe, máis de dúas... Os contidos do Tema 3 por suposto que axudan e son fundamentais para comprender esta historia, de modo que debes ir tamén estudando o que levamos do Tema 3 ao mesmo tempo.
  2. Cando domines a lectura debes comezar co resumo obxectivo do relato. É dicir, sen opinar, criticar ou engadir nada. Ese resumo non debes publicalo polo momento neste blog, senón entregalo en man ao profesor, e antes do paso seguinte.
  3. Só cando ese resumo estea realmente conseguido podes pasar ao comentario-crítico do mesmo, onde os teus coñecementos do Tema 3 deben estar ben á vista. É dicir, non podes facelo sen ter estudado realmente -e non só mirado por enriba-. Este tema ten, desde o comezo ao final, moita información -xeral e de autores concretos- que virá moi ben para mellor comprender o relato e, polo tanto, mellor resolver o traballo. Unha vez rematado o comentario, debes outra vez entregalo en man ao profesor. Se a actividade é dada por terminada, será publicada neste blog, pero soamente despois de que todos teñan entregado xa o traballo completo, evidentemente.
  4. Debes buscar información sobre Borges. Polo menos no enlace máis arriba ofrecido.
  5. Data tope de entrega: o propio día do exame dos Temas 3-4, xa marcados. Pero sería preferible telo entregado antes.
(Se lle tomas gusto á cousa, Borges ten outros contos realcionados co cristianismo. Podes ler un de indubidable interese: "Tres versiones de Judas". está tamén na rede. Só tes que premer no enlace que aquí ofrecemos. Xa contarás...).

viernes, 9 de enero de 2009

Textos de Agostín propostos pola CIUG

Metidos xa no Tema 3, temos que comezar advertindo que hai sete textos de Agostiño (Agostín), se ben os dous últimos, o seis e o sete, máis ben hai que velos como algo parecido a textos complementarios, xa que, como a propia persoa responsable da elección destes sete textos recoñece "verbalmente" -por escrito, aínda non-, eses dous non caben dentro do marco prefixado polos "tópicos" ( puntos principais de cada tema) establecidos pola propia CIUG, e que timesmo podes ler na rede.
Polo demais, eses textos están fotocopiados e a túa disposición desde o mes de Decembro na túa aula, no taboeiro. Pero se prefires imprimilos desde a páxina da CIUG, podes. ¿Como? AsÍ:
  1. Escribes "CIUG" en Google ou Firefox e entras. Ou se o prefires, preme xa aquí neste enlace para entrar agora xa na páxina da CIUG, e continúa despois cos pasos seguintes...
  2. Premes onde di "Área de Centros", arriba, á dereita.
  3. E agora onde di "Grupos de Taballo".
  4. Buscas o rectágulo correspondente a "Filosofía", e dentro del premes onde podes ler "Máis información".
  5. E agora sobre a palabra "Textos".
  6. Entonces buscas "Agostiño" (despois de Aristóteles): aí tes os textos, que deberás atopar un por un, e imprimir un por un.
Da a impresión de que cada certo tempo a CIUG varía a orde a seguir para atopar os textos que toquen (Platón, Aristóteles...). Paciencia.
Os seguintes textos que haberá que imprimir serán os do Tema 4 (Maquiavelo), pero NON os dos autores que verás entre Agostiño e Maquiavelo. Eses nós non os escollimos, ¿de acordo?

TEMA 3