
Propoñemos, como xa dixéramos fai tempo na aula, en Decembro, un traballo voluntario relacionado co Tema 3 que nos ocupa. Trátase dun conto titulado
"Los teólogos", do escritor arxentino
Jorge Luis Borges (1899-1986).
A actividade podes ir facéndoa xa, coa única condición de que nestes momentos teñas un mínmo de "cinco" como nota media (Temas 1 e 2). A actividade é, pois, entendida como unha actividade para mellorar nota, e non para sustituír un resultado non satisfactorio dunha proba escrita anterior. É fundamental entender isto, por favor.
O conto está na rede, se non queres lelo en libro. O libro no que orixinalmente foi publicado chámase
El Aleph (1949), editado por varias editoriais e facilmente encontrable en calquera biblioteca pública ou librería máis ou menos aceptable.
¿En que consiste esta actividade? Imos por partes:
- Primeiramente debes lelo, buscando na rede, nun dicionario ou nuha enciclopedia as numerosas cousas, datos, nomes, etc., que irás atopando a medida que avances. Hai numerosas citas cultas, pois Borges é moi dado a utilizar a súa non precisamente pequena erudición como ferramenta esencial da ficción. Recoméndase máis dunha soa lectura, e dalgún parágrafo ou pasaxe, máis de dúas... Os contidos do Tema 3 por suposto que axudan e son fundamentais para comprender esta historia, de modo que debes ir tamén estudando o que levamos do Tema 3 ao mesmo tempo.
- Cando domines a lectura debes comezar co resumo obxectivo do relato. É dicir, sen opinar, criticar ou engadir nada. Ese resumo non debes publicalo polo momento neste blog, senón entregalo en man ao profesor, e antes do paso seguinte.
- Só cando ese resumo estea realmente conseguido podes pasar ao comentario-crítico do mesmo, onde os teus coñecementos do Tema 3 deben estar ben á vista. É dicir, non podes facelo sen ter estudado realmente -e non só mirado por enriba-. Este tema ten, desde o comezo ao final, moita información -xeral e de autores concretos- que virá moi ben para mellor comprender o relato e, polo tanto, mellor resolver o traballo. Unha vez rematado o comentario, debes outra vez entregalo en man ao profesor. Se a actividade é dada por terminada, será publicada neste blog, pero soamente despois de que todos teñan entregado xa o traballo completo, evidentemente.
- Debes buscar información sobre Borges. Polo menos no enlace máis arriba ofrecido.
- Data tope de entrega: o propio día do exame dos Temas 3-4, xa marcados. Pero sería preferible telo entregado antes.
(Se lle tomas gusto á cousa, Borges ten outros contos realcionados co cristianismo. Podes ler un de indubidable interese:
"Tres versiones de Judas". está tamén na rede. Só tes que premer no enlace que aquí ofrecemos. Xa contarás...).